Friday 17 de May de 2024

Oroso aproba a Conta Xeral de 2015, que recolle un remanente de máis de 200.000 euros e un aforro neto de máis de 615.000 euros


O alcalde Manuel Mirás considera que as contas demostran que “o éxito económico deste Concello é palmario”

O Pleno municipal de Oroso aprobou esta mañá a Conta Xeral de 2015, que recolle un remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 201.252,32 euros e un volume de aforro neto de 615.535,57 euros. Unhas Contas que foron aprobadas cos 7 votos a favor do PSOE, as 5 abstencións de PP e BNG e o voto en contra de Son de Oroso-Anova.

O alcalde, Manuel Mirás, explicou que os datos recollidos nestas contas demostran que “o éxito económico deste Concello é palmario”, un éxito que atribuíu “non só a todo o equipo de Goberno, senón tamén ao excelente traballo dos funcionarios do Concello de Oroso”. Unha felicitación á que se sumaron todos os grupos municipais.

Mirás Franqueira salientou especialmente “o aforro neto acadado este ano, que demostra que a eficiencia no gasto foi moi boa cun resultado positivo de máis de 615.000 euros”. Ademais, a débeda viva volve a descender un ano máis ata o 20,19%, fronte ao 20,62% rexistrado en 2014. De feito, o Informe de Intervención Municipal recolle que o Concello de Oroso se atopa nunha situación de estabilidade orzamentaria, cun bo seguemento do Plan de Saneamento e mesmo cun importante marxe para o endebedamento.

O alcalde tamén destacou que “a carga impositiva á veciñanza non é moi alta pero estudaremos se a podemos adaptar aínda máis, pese a estar por debaixo da media”. De feito, o nivel de presión fiscal por habitante en Oroso é de 324,83 euros, fronte aos 510.33 euros da media nacional ou os 413,84 euros da media de Galicia.

Críticas da oposición

Pola súa banda, o PP xustificou a súa abstención en que “se poderían sacar a concurso outros servizos como fontanería, xardinería ou a montaxe e desmontaxe da carpa municipal”, indicou Alexander Doval. Un punto no que xa incidira o BNG, cuxo voceiro, Xosé Manuel Pérez, salientou que “non me parecen malas Contas, pero hai cousas de tipo administrativo que se poderían mellorar en 2, 3 ou 4 anos”. Finalmente, Siverio Mirás, voceiro de SON de Oroso-Anova, xustificou o seu voto en contra en que “en moitos contratos vese que hai unha empresa favorita”

Manuel Mirás recoñeceu que “é difícil facer todo ao dedillo porque unha cousa é lexislar e outra é facer as cousas. E en Oroso as cousas fanse con rigor”. Neste sentido exemplificou que “temos un reparo de intervención polos colexios, xa que o comedor escolar o tiña que asumir a Xunta. Pero como alcalde levantei ese reparo para que os nosos nenos non quedaran sen servizo de comedor”.

Sobre as demandas do PP de sacar máis servizos a licitación, Mirás recoñeceu que “a licitación se pode sacar todo, pero estou seguro que nin vostedes mesmos ían estar de acordo”. Neste sentido lembrou que hai empresas pequenas que non teñen capacidade para acudir a concursos deste tipo, “ e nós buscamos tamén un sistema que non prexudique aos comerciantes de aquí”. Ademais, exemplificou en que “o servizo de fontanería xa o sacamos a concurso e quedou deserto”.

Resto da orde do día

O pleno aprobou por unanimidade unha modificación de créditos por 20.000 euros para acometer o abastecemento de auga en Vilar de Arriba. Así mesmo, aprobou cos 8 votos a favor de PSOE e BNG e as 5 abstencións de PP e Son de Oroso-Anova, a modificación da ordenanza fiscal da taxa polo servizo de sumidoiros e abastecemento de auga potable. Así, as tarifas que se aplicarán dende o 1 de xaneiro de 2017 polo subministro de auga quedan do seguinte xeito: Aboados domésticos: 0,37265486 €/m3 (de 0 a 10 m3/mes) e 0,46969361 €/m3 (máis de 10 m3/mes); e Aboados industriais: 0,37265486 €/m3 (de 0 a 10 m3/mes) e 0,54797587 €/m3.

No caso do servizo de sumidoiros, os prezos para aboados do servizo de auga serán: aboados domésticos, 0,325372887 €/m3 (de 0 a 10 m3/mes) e 0,410037568 €/m3 (máis de 10 m3/mes); no caso dos aboados industriais, o prezo será de 0,325372887 €/m3 (de 0 a 10 m3/mes) e de 0,479071871 €/m3 (máis de 10 m3/mes). A cota trimestral para os aboados só ao servizo de saneamento será de 9,769001856 euros/trimestre. Por cada limpeza de fosa séptica o prezo será de 39,07600732 euros.

En todos os casos, os grupos da oposición coincidiron en sinalar que as novas taxas obedecen ao establecido no contrato asinado no seu día, cuestión que aproveitou o alcalde orosán para lembrar que “o contrato da auga remata en 2020 e é un bo contrato. O coste da auga en Oroso é un dos máis asequibles e incluso nas aldeas onde se enganchan nos din que lles sae máis barato que pagar o motor do pozo”.